novas

A Xunta inicia a preparación do novo Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 coa presenza duns 400 expertos de diferentes eidos

By 12/12/2019 No Comments
  • Director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos, participou na presentación dun proceso que busca establecer prioridades e retos do novo plan
  • Ao longo desta semana, diferentes mesas de traballo abordarán eidos como benestar, demografía, cambio climático, competitividade ou cohesión social
  • Galicia é a comunidade autónoma de referencia en vencellar a acción de Goberno á planificación estratéxica, un campo no que é pioneira en España

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019.- O director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos, participou hoxe no inicio dos traballos preparatorios do novo Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030, que celebrou a súa primeira sesión hoxe en Santiago. En total, a Xunta contará ao longo desta semana coa colaboración duns 400 expertos de diferentes eidos neste proceso, punto de inicio para a elaboración do novo plan.

Así, o novo Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 será a folla de ruta das actuacións de todo o Goberno galego para a vindeira década, e dará continuidade ao actual Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, que afronta a parte final de vixencia.

Os traballos preparatorios teñen como obxectivo establecer as prioridades e retos do novo Plan Estratéxico, e para iso é fundamental abordar previamente este proceso cos diferentes expertos de cada eido. Isto realízase a través de mesas de traballo temáticas nas que participan os diferentes actores, entre os que se inclúen representantes de colectivos sociais, sectoriais, empresariais ou da administración pública.

O primeiro grupo de traballo, que se celebrou hoxe en Santiago, abordou a dinamización demográfica e benestar, e contou con mesas específicas sobre familia e benestar, emprego e conciliación, sanidade, educación e vivenda. Nos vindeiros días celebraranse os outros tres grupos de traballo.

De feito, o segundo grupo, referente a medio ambiente e cambio climático, abordará eidos como o ciclo da auga, a eficiencia enerxética ou a mobilidade, mentres que o terceiro grupo de traballo, sobre competitividade, incluirá mesas sobre I+D+i, tecnoloxías da información e da comunicación, o sector industrial e de servizos ou as infraestruturas. Finalmente, o cuarto grupo abordará a cohesión social e territorial a través de mesas sobre inclusión social e igualdade, a cultura, a ordenación do territorio ou os fenómenos migratorios.

Comunidade pioneira

Galicia é a comunidade autónoma de referencia en vencellar a acción de Goberno á planificación estratéxica. De feito, foi pioneira na aprobación dun plan estratéxico de carácter global, e este será o terceiro plan que aproba a Comunidade Autónoma despois dos xa aprobados para os períodos 2010-2014 e 2015-2020.