Atrás

A Xunta presenta a máis de 300 expertos as principais liñas do Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030

A Xunta presenta a máis de 300 expertos as principais liñas do Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030

  • As xornadas de presentación celebraranse mañá luns e o martes, 8 de febreiro de forma telemática
  • Os expertos proceden de diferentes eidos profesionais como o social, académico ou empresarial

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2022.- A Xunta vén de convocar a máis de 300 expertos para presentar as principais liñas estratéxicas do Plan Estratéxico de Galicia (PEG) 2021-2030. Estes expertos proceden de diferentes eidos profesionais como o ámbito social, académico, empresarial ou asociativo.

Estas xornadas de presentación dos obxectivos estratéxicos do Plan terán lugar este luns 7 de febreiro e o martes 8, ambas as dúas en horario de mañá e desenvolveranse de xeito telemático.

O proceso de elaboración do Plan realizouse de maneira participativa, de forma que a Administración galega traballou en contacto con axentes da sociedade civil e coas achegas das persoas expertas en cada materia. Neste sentido, celebráronse xa dúas roldas de participación co fin de identificar os principais retos da Galicia do 2030 e as liñas de actuación necesarias para acadalos. Este proceso de deseño da Galicia do futuro entra agora na súa recta final, na que a Xunta conta de novo coa participación dos grupos de interese nestas xornadas.

O novo Plan
O Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 terá como prioridades acadar unha recuperación sostible, resistente e inclusiva; deseñar a Galicia do futuro poñendo no centro o reto demográfico; acadar unha Galicia máis sostible e climaticamente neutra; promover unha sociedade innovadora, moderna, competitiva, solidaria e cohesionada; favorecer os valores diferenciais de Galicia como motores de desenvolvemento; e garantir unha senda previsible, rigorosa e estable de actuación do Goberno galego a medio prazo.
Así, o Plan Estratéxico 2021-2030 contará con cinco eixes, 20 prioridades de actuación, e 70 obxectivos estratéxicos con indicadores de realización e de resultado que permitan facer un seguimento da consecución dos obxectivos do Plan. Ademais, será coherente cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 e cos obxectivos políticos e específicos dos Programas Operativos 2021-2027. Os cinco eixes estratéxicos do Plan serán reto demográfico (eixe 1); Galicia verde e sostible (eixe 2); competitividade e crecemento (eixe 3); cohesión social e territorial (eixe 4); e gobernanza (eixe 5).
En definitiva, o novo Plan pretende definir os obxectivos estratéxicos coa finalidade de converter a Galicia nunha rexión máis verde, máis dixital e mellor adaptada aos retos actuais e futuros, que converxa en riqueza coa media española e europea, logrando unha recuperación sostible, resistente e inclusiva.