A Xunta inicia hoxe o contacto con máis de 300 expertos para presentar as principais liñas do Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030
- Os participantes son recoñecidos expertos de diferentes eidos profesionais relacionados cos eixes do plan, como o social, o académico ou o empresarial
- As xornadas de presentación celébranse hoxe e mañá de forma telemática
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022.- A Xunta inicia hoxe o contacto con máis de 300 expertos de distintos eidos profesionais para presentar as principais liñas do Plan Estratéxico de Galicia (PEG) 2021-2030 de xeito telemático. Trátase de recoñecidos expertos do eido social, académico, empresarial e asociativo que participan hoxe e mañá en sesións de traballo divididas en dúas partes.
Na parte común, ás 10,00h farase a presentación do borrador do PEG 2021-2030 cos seus obxectivos xerais, estrutura e metas principais. A partir das 10,30h, e de xeito simultáneo, terán lugar dúas sesións específicas cada día, nas que a través de relatorios de destacados xestores de distintos departamentos da Xunta se analizarán os obxectivos estratéxicos dos eixes nos que se estrutura o plan.
Así, hoxe luns, abordarase o Eixe 1: reto demográfico, no que se falará de temas como "Emprego de calidade", "Atención ao benestar", "Vivenda accesible" e "Protección da saúde". En torno ao Eixe 2: Galicia verde e sostible os relatorios centraranse nos temas "Fomento dunha economía baixa en carbono", "Cambio climático", "Mobilidade sostible e infraestruturas" e "Patrimonio natural".
As xornadas de presentación dos obxectivos estratéxicos do Plan continuarán mañá martes no mesmo horario e tamén de xeito telemático. Nesta segunda e última xornada, despois da presentación, os expertos do Eixe 3: Competitividade e Crecemento analizarán asuntos de importancia crucial neste ámbito, como "I+D+i", "Sociedade dixital", "Fomento do emprendemento e investimento", "Turismo" e "Sector agrogandeiro, forestal e do mar". No Eixe 4: Cohesión social e territorial, os temas sobre os que se debaterá son "Educación inclusiva e de calidade", "Igualdade e inclusión social", "Cultura" e "Cohesión territorial".
O novo Plan
O Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 terá como prioridades acadar unha recuperación sostible, resistente e inclusiva; deseñar a Galicia do futuro poñendo no centro o reto demográfico; acadar unha Galicia máis sostible e climaticamente neutra; promover unha sociedade innovadora, moderna, competitiva, solidaria e cohesionada; favorecer os valores diferenciais de Galicia como motores de desenvolvemento; e garantir unha senda previsible, rigorosa e estable de actuación do Goberno galego a medio prazo.
En definitiva, o novo Plan pretende definir os obxectivos estratéxicos coa finalidade de converter a Galicia nunha rexión máis verde, máis dixital e mellor adaptada aos retos actuais e futuros, que converxa en riqueza coa media española e europea, logrando unha recuperación sostible, resistente e inclusiva.
Galicia é a comunidade autónoma de referencia en vencellar a acción de Goberno á planificación estratéxica. De feito, foi pioneira na aprobación dun plan estratéxico de carácter global, e este será o terceiro plan que aproba a Comunidade Autónoma despois dos xa aprobados para os períodos 2010-2014 e 2015-2020.