Atrás

Miguel Corgos apela ao consenso dos grupos parlamentarios para aprobar un novo Plan Estratéxico que conta coa implicación da sociedade civil galega

Miguel Corgos apela ao consenso dos grupos parlamentarios para aprobar un novo Plan Estratéxico que conta coa implicación da sociedade civil galega

O Conselleiro de Facenda e Administración Pública presentou o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 no Pleno do Parlamento

Imagen Miguel Corgos apela ao consenso dos grupos parlamentarios para aprobar un novo Plan Estratéxico que conta coa implicación da sociedade civil galega
  • Precisou que o Plan conta con 5 eixes transversais: o reto demográfico, a Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial, e gobernanza

 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, amosou hoxe a máxima predisposición da Xunta para achegar posturas e enriquecer o Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 co obxectivo de que a planificación estratéxica da Galicia dos vindeiros anos, que conta coa implicación da sociedade civil galega, sexa tamén froito do consenso parlamentario.

Durante a súa presentación no Parlamento galego, Miguel Corgos explicou que o escenario post pandemia está caracterizado pola maior inflación en catro décadas, agravada pola invasión de Rusia a Ucraína e a crise enerxética. Neste marco, sinalou que o PEG 2022-2030 vai contribuír, xunto cos recursos extraordinarios procedentes da Unión Europea, a afrontar esas dificultades.

Na súa intervención, o conselleiro lembrou que o Plan conta con 5 eixes transversais –o reto demográfico, Galicia verde e sostible, competitividade e crecemento, cohesión social e territorial e gobernanza e destacou que contará cun seguimento regular da súa execución co fin de comprobar se se están desenvolvendo as liñas de acción previstas e cumprindo os obxectivos.

O responsable da Facenda galega destacou ademais que este instrumento estratéxico fixa metas por riba de perturbacións conxunturais concretas e ten capacidade para adaptarse ás posibles circunstancias adversas que poidan producirse, o que permite que Galicia estea preparada para os desafíos que supoñen os efectos da pandemia; a aceleración do cambio climático e da dixitalización; e as consecuencias económicas e sociais das tensións xeoestratéxicas.

Renda, neutralidade climática e I+D+i

Entre as 10 grandes metas do documento para a presente década Miguel Cortos destacou a de acadar de aquí ao ano 2030 a práctica converxencia con España en termos de renda bruta dispoñible e superar o 90% do PIB per cápita da Unión Europea. Tamén sinalou que a Galicia de 2030 ten que avanzar de maneira decidida cara á neutralidade climática, e salientou o obxectivo de reducir as emisións de efecto invernadoiro ata o 55% respecto a 1990.

Outra meta indispensable pasa por favorecer unha Galicia cada vez máis dixital e máis innovadora. Sobre este punto, o conselleiro recordou que o Goberno galego está destinando cada vez máis recursos a esta materia, pois xa representan o 1,9% do orzamento, o dobre que no ano 2009.

Miguel Corgos tamén afirmou que co Plan Estratéxico 2022-2030, Galicia quere seguir na senda de sustentabilidade financeira, o que permitiría acadar no ano 2030 os obxectivos fixados na Lei Orgánica 2/2012 de Estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira sen realizar axustes. O compromiso da Xunta é reducir nunha década en máis de 6 puntos a ratio débeda/PIB e rebaixala na contorna do 13%.